Historia

Os tempos non eran doados. Pero o empeño do Cabildo sacou adiante o proxecto durante o século XVII.

As idades de acceso oscilaban entre os 14 e os 17 anos e entraban a formar parte do Seminario de Menores. Logo entraban no seminario de Medianos e posteriormente accedían o de Maiores. Os que non superaban as probas de acceso a unha etapa superior non eran admitidos.

Os estudios teolóxicos estiveron presentes no Seminario de Lugo desde a súa mesma fundación, que tivo lugar a finais do século XVI, co fin de preparar adecuadamente os candidatos ó ministerio sacerdotal diocesano no aspecto doctrinal.

O 11 de decembro de 1598 o bispo D. Lorenzo Asensio de Otaduy y Avendaño, de acordo co Cabildo, para cumpli-lo disposto recentemente no Concilio de Trento, establece o Seminario diocesano de Lugo, dándolle o título oficial de Seminario Conciliar de S. Lorenzo, título que fai referencia ó Concilio que dispón a súa existencia e ó nome do bispo que o funda.

Deste xeito o Seminario de Lugo é un dos primeiros seminarios de España e o segundo de Galicia, despois do de Mondoñedo, en ser creado a tenor do establecido polo Concilio Tridentino. Xa antes, en 1594, o Bispo obtivera unha Real Cédula do Rei Felipe III na que se aproba a creación deste Seminario Diocesano. Esta institución comeza a funcionar no edificio que se viña construindo para este fin a partir do ano 1593 e que, posteriormente, a finais do século XIX, ó inaugurarse o novo edificio, foi cedido ós franciscanos, que o conservan actualmente dedicado a un colexio de ensinanza primaria.

A fachada principal deste edificio, construída posteriormente no ano 1859, presenta unha noble e elegante estructura de gusto neoclásico, con dúas plantas, ademais da planta baixa, o que aínda hoxe permite consideralo como digno marco da importante institución que albergou durante varios séculos.

O 9 de marzo de 1599 o Bispo promulga as primeiras Constitucións do Seminario nas que se determina que sexan 36 os seminaristas becarios, naturais da diócese, elexidos entre os aspirantes por un tribunal que xulgará os méritos e o cumprimento das condicións esixidas para o ministerio sacerdotal.

2. ORGANIZACION DOS ESTUDIOS DE TEOLOXIA

Os estudios de Teoloxía organizáronse ó longo dos anos de distinta maneira de acordo coas tendencias de cada época, seguindo as directrices que procedían de Roma e o modelo imposto polas Facultades universitarias ou o utilizado nas casas de formación das distintas familias relixiosas: xesuitas, dominicos, franciscanos, etc…

Durante o século XVII no Seminario impartíanse ensinanzas de Artes (Lóxica, Dialéctica e Metafísica), Teoloxía Moral e Casos, Leccións de Sagrada Escritura e Teoloxía Dogmática dada esta última por un padre Dominico ou Franciscano.

Na organización dos estudios teolóxicos tivo sempre unha relevancia especial sobre as demais disciplinas a Teoloxía Moral, coa aplicación práctica dos Casos, como supostos máis ou menos complicados que era necesario resolver; esta relevancia debíase, sen dúbida, á finalidade fundamental dos estudios teolóxicos do Seminario, que era prepara-los futuros sacerdotes para que
fosen nas distintas parroquias ou comunidades maestros de vida cristiá na orientación das conciencias e na promoción e conservación dos bos costumes.

3. A ILUSTRACION

A mediados do século XVIII xurde nos seminarios unha crise académica que se manifesta na oposición entre os partidarios do sistema antigo e a tendencia innovadora que intentaba rompe-los modelos do escolasticismo e incorporar ós estudios esclasiásticos novas materias e métodos, como xa se facía noutras nacións de Europa. De acordo con este clima xeral o Bispo Frei Francisco Armañá, o 30 de marzo de 1779, establece varias innovacións na organización académica e disciplinar do Seminario. Este bispo ilustrado creou no Seminario unha Biblioteca Pública para a utilización dos seminaristas, dos sacerdotes e dos laicos en xeral preocupados polas ciencias relixiosas.

Coa Desamortización esta Biblioteca foi suprimida, pasando á Diputación Provincial os libros de materias profanas (Matemáticas, Física, Química, Bioloxía) e ó Seminario os libros de Teoloxía e Ciencias relixiosas o que constitúe a base orixinaria da actual Biblioteca do Seminario; aínda agora o continxente máis importante do Fondo Antigo desta biblioteca é o que procede da Biblioteca do bispo Armañá. No ano 1792 establécese un plan de estudios renovado: Aparece a asignatura “De Locis Theologicis” (Teoloxía Fundamental) e terase clase diaria dos Evanxeos segundo a mente de San Agustiño e de Santo Tomás. Os estudiosdo Seminario terán a duración seguinte: cinco anos de Gramática, tres de de Filosofía e tres de Teoloxía.

4. VALIDEZ UNIVERSITARIA

A principios do século XIX solicítase a incorporación dos cursos do Seminario á Real Universidade de Santiago, incorporación que foi concedida por Real Orde de novembro de 1803 do Rei Carlos IV. A raiz deste recoñecemento legal o Seminario de Lugo conferiu ós seus alumnos o grao académico de Bachiller en Teoloxía e en Cánones ata o ano 1923; primeiramente coa potestade conferida pola Real Universidade de Santiago para os estudios do Seminario integrados nela; posteriormente, a partir do ano 1868, no que foron suprimidas as facultades de Teoloxía na Universidade Civil española, por efecto das novas correntes de pensamento de carácter liberal e secularizante, por concesión da autoridade aclesiástica con base no Concordato de 1851 no que se recoñece a liberdade da Igrexa para organizalos estudios dos seminarios destinados ós clérigos, so con validez eclasiástica.

No Real Decreto de 21 de marzo de 1852, que desenvolve o artigo 28 do Concordato, autorízase ós seminarios diocesanos a conferi-lo grao de bachiller en Teoloxía e en Cánones; incluso nestes centros podíanse cursa-las asignaturas para a Licenciatura e o Doctorado. O plan de estudios estaba organizado da seguinte forma:

Había sete cursos de Teoloxía. Os catro primeiros eran obrigatorios para todos; ó final do cuarto curso podían acceder ó Bacharelato, ó final do sexto á Licenciatura e ó final do séptimo ó Doctorado aqueles alumnos que así o desexaran. A súa vez, en Cánones, unha vez aprobados os catro anos de Teoloxía podíase acceder ó grao de Bachiller e Licenciado en Cánones despois de aproba- lo primeiro e segundo curso respectivamente; o curso de Doctorado en Cánones era común ó de Teoloxía. Deste xeito, o seminario de Lugo quedaba incorporado á organización académica dos estudios aclesiásticos vixente entón en tódolos seminarios de España.

5. NOVO EDIFICIO

A finais do século pasado o antigo edificio onde viña funcionando o Seminario facíase incapaz para acolle-la crecente demanda de aspirantes ó sacerdocio e, como non era posible pensar nunha ampliación do edificio existente, polo lugar no que se atopaba a carón da muralla e porque ademais resultaría unha obra pouco esbelta feita de remendos, empezou a pensarse na cosntrucción dun novo edificio para o Seminario.

Foi o bispo Fray Gregorio Aguirre quen acometeu a empresa da edificación do novo Seminario. Encomenda a obra ó célebre arquitecto lucense, o Sr. Cobreros, que comeza a edificación no ano 1888. O novo Seminario encóntrase acabado no mes de xullo 1893. Trátase dun edificio que aínda actualmente pode considerarse como un dos máis vistosos de Lugo e, no seu tempo, foi un dos mellores seminarios de España. O curso de 1893-1894 foi inaugurado no novo edificio.

6. TEMPOS MODERNOS

A primeira mitade do século XX caracterízase por unha constante ampliación de locais para atende-las numerosas peticións de ingreso nos estudios do Seminario. Constitúense en diversos lugares da Diócese preceptorías, que eran centros onde se cursaban os catro anos de Latinidade.

O 12 de setembro de 1929 o bispo D. Rafael Balanzá y Navarro funda o Seminario Menor nun edificio adquirido ós H.H. Maristas, actualmente desaparecido. Así mesmo amplía o edificio do Seminario Maior construindo un pabellón adosado pola parte de atrás, con planta baixa e dous pisos.

Posteriormente en 1946 inaugúrase un novo pabellón para Seminario Menor, ó lado da muralla, actualmente cedido ó Concello de Lugo para establece-las oficinas municipais de servicios. En toda esta primeira mitade do século, ata os anos 70, os estudios teolóxicos do Seminario coñeceron unha etapa de esplendor, tanto polo número de alumnos como pola importante labor dos profesores, de gran valía e dedicación, e pola actividade académica desenrolada.

A organización dos estudios teolóxicos neste tempo experimenta unha forte actualización e renovación de acordo coas novas adquisicións nas ciencias relixiosas: auméntase e número de asignaturas con novas disciplinas, utilízanse como libros de texto autores recoñecidos da chamada Neoescolástica, dáselle maior extensión ós estudios de Sagrada Escritura.

7. ETAPA POSTCONCILIAR

A partir do Concilio Vaticano II, na década dos anos 70, experimentouse, como en tódalas dióceses de España, un notable descenso nas vocacións sacerdotais, coa conseguinte disminución de alumnos nos estudios teolóxicos. En vistas da escasez case total de alumnos nos Estudios Eclesiásticos, no ano 1976 suprímese esta ensinanza no Seminario de Lugo. Os poucos candidatos ó sacerdocio cos que conta a diócese de Lugo van face-los estudios eclesiásticos ó Instituto Teolóxico Compostelano residindo no Seminario Maior da Archidiócese.

Ante o incremento de alumnado, a problemática causada pola ausencia dun claustro na Diócese e a escasa inserción dos seminaristas na vida diocesana, decídese restaurar, no curso de 1986-1987, os Estudios Eclesiásticos no Seminario Diocesano. O plan académico nestes Estudios teolóxicos restaurados é o aprobado pola Conferencia Episcopal Española para os seminarios diocesanos.

8. INSTITUTO TEOLOXICO LUCENSE

Para darlle unha maior dignidade académica ós Estudios Eclesiásticos do Seminario e tendo en conta a recomendación da Conferencia Episcopal Española pensouse en afiliar estes estudios a unha Facultade de Teoloxía. Pareceu que esta Facultade debería ser lóxicamente a da Universidade Pontificia de Salamanca, por ser a Universidade propia da Igrexa Española, polos vínculos históricos que a diócese de Lugo posúe con esta Universidade e por pertencer ó ámbito xeográfico da súa influenza.

No curso 1997-98 empezáronse a facer as xestións necesarias para isto. Despois de varios contactos persoais coas autoridades da  Universidade por parte do Xefe de Estudios, o Sr. Bispo Frei Xosé Gómez González, con data 26 de decembro de 1997, envía ó Rector Magnífico da Universidade Pontificia de Salamanca a solicitude de Afiliación dos Estudios Eclesiásticos do Seminario de Lugo á Facultade de Teoloxía de dita Universidade.

Aceptada esta solicitude, realizáronse os trámites oportunos: informe dunha comisión da Universidade, aprobación do Consello de Dirección e da Conferencia Episcopal, e finalmente a Sagrada Congregación para a Educación Católica, con data 3 de marzo de 1999, aproba a afiliación solicitada.De acordo con esta afiliación créase o Instituto Teolóxico Lucense onde se imparten as ensinanzas de Teoloxía con rango universitario e coa facultade de conceder ós alumnos que superen un exame final ante un tribunal mixto de dous profesores do centro e un da Facultade de Teoloxía de Salamanca, o grao de Bachiller en Teoloxía, convalidable civilmente por Licenciado en Estudios Eclesiásticos.

Esta nova estructura dos estudios do Seminario sen dúbida promoverá un rexurdimento no interés dos alumnos e na dedicación dos profesores de gran repercusión para a Igrexa Diocesana.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s